Archivos mensuales: octubre 2015

En Santiago e Láncara

Estas semanas foron intensas. Estivemos en Santiago e Láncara participando en sendos eventos maker.

Por vez primeira en Galicia realizouse unha mini-maker faire, en Santiago de Compostela. Alí estivemos ollando os avances do mundo asociativo e comercial. Por problemas loxísticos tiñemos que pospoñer a realización da demo do proxecto MWS (ferramenta de asistencia na sonorización de concertos), pero sí participamos na mesa de espazos makers. O noso compañeiro Andrés Maneiro estivo representando a Makers.Lugo na mesa debate conxuntamente con Bricolabs (Coruña), Recuncho maker (Santiago de Compostela) e AlgaLab (Vigo). A primeira boa nova da mesa foi enterarnos que hai un incipiente movemento maker en Pontevedra e que se están a consolidar como asociación!

scq_makerfaire_1

Días máis tarde, participamos na xornada Eu amo fedellar, organizada pola rede revolta (rede de grupos de investigación universitarios ó redor da agroecoloxía), xunto a otros colectivos como ESF Galicia, Montenoso e a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica e o Colexio Alcalde Xosé Pichel. Nesta xuntanza estiveron presentes os nosos compañeiros Suso Toural e Raúl Chamorro. Suso presentou as súas experiencias relativas a traballo con arduino e tractores. As conversas que tivemos ó longo de toda a xornada foron moi prometedoras e saímos coa sensación de que hai unha base interesante para que agrome unha comunidade de traballo ó redor da maquinaría agrícola de código aberto.

En un par de semanas remataremos esta xira de Outono coa nosa presencia na senlleira OSHWDEM, o sábado 7 de Novembro. Entón será momento de pensar en todo o que aprendemos estas semanas e retomar os proxectos que temos entre mans cun novo pulo!

Resumo Somero2015

A pasada semana o noso compañeiro Andrés Maneiro estivo en Gijón, no evento Somero 2015. Dentro do inspirador programa, había un track de especial interese para os makers.lugo: o dedicado a modelos de produción distribuida e á función dos espacios maker.

kano

Tanto as conferencias como as charlas en privado foron do máis ilustrador, e hai un par de ideas que paga a pena resaltar:

  • As políticas de emprego fan incidencia na formación para a xestión dunha empresa. Porén, é preciso apoio e formación para o desenvovemento de produto, que require doutras habilidades e coñecemento.
  • A iteración é fundamental no desenvolvemento de produto, para aprender qué cousas funcionan e cales non. A primeira proba do proxecto kano, por exemplo, fixérona con hardware e software existente, eles apenas fixeron nada máis que compralo en amazon e montalo: a partir desa proba que presentaron en escolas, recibiron feedback para ir aprendendo cómo crecer o produto.
  • O prototipado áxil e o acceso a ferramentas básicas cobran especial relevancia. Ter a posibilidade de construir prototipos de maneira rápida é fundamental nas fases iniciais do proxecto, para probar ideas. Esto supón ter acceso a impresoras 3D, cortadoras láser, CNC, etc. Os deseñadores de StudioNeat, construiron os primeiros conceptos do soporte para móvil que comercializan nun espacio maker da súa cidade.
  • Existe oco para espacios de mostra de produtos. No FabLab da Universidade Laboral impulsan un mercadillo mensual coa xente que colabora e participa no seu espacio maker, con bo resultado. Por todo o mundo hai feiras maker, como a Compostela Maker Faire, na que participaremos este sábado 17.

Pero a principal lección aprendida deste evento é a constatación de que as escalas de produción e financiación do produto víronse enormemente reducidas, co cal é máis sinxelo que nunca fabricar obxectos con tecnoloxías avanzadas, persoalizados e a baixo custe. Por outra banda, a comercialización, gracias a internet, pode chegar a ter unha audiencia masiva e un largo alcance.

Ábrense oportunidades de todo tipo para os makers que logren conxuntar ideas, unha boa rede de contactos e acceso ás ferramentas básicas de fabricación e distribución. Neste contexto, o valor dos espacios maker como o que pretendemos consolidar en Lugo, radica na súa capacidade de conectar persoas e configurarse como un polo tecnolóxico e de aprendizaxe dentro da cidade.